domingo, 15 de xuño de 2014

As nosas impresións

Ao comezo deste seminario sobre os libros, pedíusenos, na primeira sesión, que escribíramos nun folio que expectativas tiñamos, que queríamos acadar, que pretendíamos lograr... Iso todo gardouno a nosa coordinadora, e o último día lémolo quen quixemos.
Tamén se propuxo que, a quen lle apetecera, o podía publicar aquí. E despois de lembralo moitas veces (si, son un desastriño), hoxe, por fin, velaí vai o meu!.

"Que queremos lograr con este seminario?

Está ben simplemente o feito de xuntarnos e poder aportar cousas uns aos outros.
Tamén é estupenda a idea de poder formarnos, algo que precisamos todos, posto que eu entendo que nesta profesión hai que renovarse e experimentar continuamente.
Ademais, a temática a min gústame moito, posto que coido que o mundo dos contos e das historias é fundamental para o crecemento persoal, para a vivencia, para a fantasía e para a realidade da vida. Nos contos está todo, así que Vivan os contos!"

Lidia Gil Diz

xoves, 29 de maio de 2014

martes, 20 de maio de 2014

Caderno de Bitácora- Sesión do 26 de Marzo

Nesta sesión traballamos en grupo actividades relacionadas coa Poesía. Cada grupo elixía unha poesía, que eliximos de diversos libros que trouxo Rebeca, para logo traballar a partir dela.

 - Natalia e Andrea: traballaron a seguinte adiviña:
Teño follas sen ser árbore
e fáloche sen ter vos
se me abren,
non me queixo....
adiviña ti quen son.
A partir desta adiviña plastifícanse varios imaxes que se entregarán ao alumnado para que adiviñen a través dela cal sería a solución desta adiviña.

-  Ana Cadilla, Iratxe e Lidia: traballaron a poesía do libro “Ventos” de Antonio García Teixeiro, e escolleron o seguinte poema:
Eu pedinlle leite á vaca,
a vaca pediume herba,
a herba pedinlla ó prado,
o prado pediume rega.
Para traballar este poema escribiron o poema en grande (mural) e sinalaron unha serie de palabras que os/as nenas/as deberán cambiar por debuxos.

-  Lidia, tamén,  traballou a cambiar o final de cada verso (xogando coa rima) escollendo a seguinte poesía do libro “Ventos”:
Preguntaba un neno ó vento
se lle podía encargar
un anaquiño de ceo
para podelo pintar.

O ventiño contestoulle:
“Non é doado, rapaz,
porque o ceo está doente
e téñeno que sandar.”

O neno quedou calado
e marchou de alí correndo.
Deulle ó vento unha menciña
Para que a levase ó ceo.

-  Eugenia e Ana: tamén escolleron a seguinte poesía do libro “Ventos”:
A flor soñaba
coas abellas.

O sol soñaba
coas estrelas.

O mar soñaba
coas gamelas.

O vento maino
xogou con eles.

A actividade que realizaron a partir desta poesía foi facer de cada verso a representación mediante unha imaxe.

-  Moncho seleccionou escolleu unha serie de libros de poesías para traballar cos/as nenos/as na aula, os libros que levou para a súa a aula son os seguintes:
Ø Cantarolas: de Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas.
Ø Ventos: de Antonio García Teixeiro.
Ø Poemas para pintar: Concha Blanco

-  Guillermo: escolleu o seguinte poema do libro Cantaloras, que se titula CABALIÑO NOVO:
Cabaliño novo,                        ¡Ala!, ven, acouga
cabalo pedrés,                          lostreguiño inxel,
que galopas ledo                     aténdeme un chisco,
polo terraplén,                           deixa de correr.
acouga un instante,
deixa de correr,                          ¡Es un toleirón,
ven á miña beira                        cabalo pedrés!
que te quero ver.

Ven cabalo amigo,
trouleante, ven;
quero darche sopas
de broa con mel,
e arreos do trinque
sobre ti poñer
(para que certos poldros
toleen de vez).
Axóuxeres brancos,
manta de ouropel,
atafal de seda
e o petral dun rei.
A actividade que se realizou a partir desta poesía foi aproveitar como elemento motivador o cadro que pintou en lenzo na sesión de María Lires e un cabalo de papiroflexia.
-  Rebeca traballou a seguinte poesía do libro “Ventos”:
Unha paxariña
feita de papel
fala cun ventiño
en saber quen é.

Moitas das palabras
soan a papel.
Repíteas o vento.
Brotan caraveis.

Esa paxariña
feita de papel
pídelle ó ventiño
que a leve con el.
A partir desta poesía traballou a papiroflexia, facendo unha paxariña.
Para rematar e analizando, un pouco, o traballado nesta sesión dicir que foi moi amena e entretida e que sacamos moitas ideas de cómo poder traballar a poesía cos/as nenos/as e que actividades se poden realizar a partir dela xa que en certo modo é un xénero, un pouco, esquecido nas idades infantís e que como puídeos comprobar pódese traballar e realizar moitas actividades divertidas e entretidas a partir dunha poesía.

luns, 19 de maio de 2014

Aplicacións arredor dos libros

Na última sesión Elvira, @coledecores, comparte co grupo algunhas das súas aplicacións favoritas para o iPad coas que poder ler, contar, crear, decorar e xogar cos contos.



domingo, 18 de maio de 2014

Sesión con Bea Campos

A sesión con Bea Campos xa foi no mes de abril pero é agora cando compartimos con vós algunhas das imaxes dese día.
Sempre é un pracer compartir a tarde con Bea.



sábado, 17 de maio de 2014

Contacontos no Cra

Aproveitando o mesmo conto que fun facer ao cole da Mata, levéillelo tamén aos nenos de primaria do Cra, só que, desta vez, en lugar de ter fotos da actividade, hai un vídeo, que amosa a miña "versión" do conto, posto que engadín unha pequena canción que vai introducindo as diferentes escenas...


Contacontos no cole da Mata

O día 7 de maio fun facer unha sesión de contacontos aos dos cursos de 4º do Cpi da Mata, no Rosal. Fixemos un "intercambio": viñeron uns profes de alí ao Cra tamén a facer uns contacontos, e outro compañeiro e máis eu ofrecémonos a facer o mesmo.
Empecei contándolles un conto que me gustaba moito de pequena. Fala dun avó que leva ao seu neto "a coñecer o mundo", emprenden camiño, co seu burro, e van por diversas aldeas, pero sempre os acaban criticando, dá igual se van os dous montados no burro, un só, ningún...
Tanto lles gustou este conto, que ata un neno se ofreceu despois a "contar unha versión", utilizando as imaxes que levei

















A continuación, fixen unha poesía para eles, dun libro titulado "Ventos", de Antonio García Teixeiro. Xogamos a sustituír palabras por debuxos na poesía, e había que colocalos de xeito correto. Despois tamén tratamos de "reinventala", ao poñer de forma aleatoria esas imaxes, e ver o resultado. Para finalizar, xogamos a inventar outras palabras nos ocos que quedaban. Inda tiveron ben imaxinación!!!